Sunday 05 de May de 2024

“Circo de Brión” e os nicrariense “Carnavaleiros” gañan o Concurso de Disfraces de Entroido de Brión, que reuniu a máis de 700 participantes


O polideportivo municipal de Pedrouzos (Brión) quedou moi pequeno para acoller o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Brión, no que tomaron parte máis de 700 participantes, chegados de distintas partes de Galicia e que fixeron desta edición a máis concorrida dos últimos anos. Os grandes triunfadores da noite foron os gañadores das modalidades de Comparsa, “Circo de Brión” (de Brión); e de Carroza, “Carnavaleiros”, de Liñaio (Negreira), que reeditaron o seu triunfo do ano pasado.

A pesar dos malos augurios meteorolóxicos, o tempo acompañou e así puido celebrarse o desfile pola avenida de Santa Minia ata o polideportivo municipal, que realizaron todos os participantes no concurso. O maior premio da xornada, de 300 euros á mellor Comparsa, foi para “Circo de Brión”, que simularon a chegada triunfal dun circo ao municipio, incluso pegando pasquíns polos negocios da zona. Os 200 euros do segundo posto foron para “Os pallasos da tele”, integrado por veciños e veciñas da aldea de Guisande, gañadores da edición de 2014.

O terceiro posto foi para unha comparsa de Noia: “Fantasía de Aladín”, que levaron 150 euros pola súa recreación do fantástico mundo desta película de Disney. O nivel dos participantes foi tal que o xurado concedeu dous accésits de 75 euros ás comparsas “Brión viaxa á lúa” (Brión) e “A queimada” (Cambre). Como recoñecemento especial, o xurado premiou “Os vellos deben namorarse”, integrado por maiores participantes nos obradoiros da memoria de Brión. E na modalidade Carroza, os 200 euros do primeiro premio foi para “Carnavaleiros” de Liñaio (Negreira), que reeditaron o seu triunfo de 2014 con “Liñaio wars”, unha divertida recreación do mundo Star Wars.

Resto de modalidades

O resto dos premios da categoría de adultos distribuíronse da seguinte maneira:

• Modalidade parellas: 1º premio (150 € ) a “Espantallos” (Santiago e Ames); e 2º premio (100 € ) a “Beleza animal”.
• Modalidade adultos individual (+ 18 anos): 1º premio (100 € ) a “Génesis, el Erizo” (Santiago); e 2º premio (75 €) a “O gardián dos montes”.

Na categoría infantil os premios consistiron en vales por material didáctico e os premios distribuíronse da seguinte maneira:

• Modalidade infantil (ata 11 anos): 1º premio (vale por 50 €) a “O Buho sabio”, 2º premio (vale por 40 €) a “Somos como las flores”; e 3º premio (vale por 20 €) a “Os irmáns quechup e mostaza”dinosauros.
• Modalidade xuvenil (de 12 a 17 anos): 1º premio (vale por 55 €) a “A planta carnívora”; 2º premio (vale por 40 €) a “Club e carozo ambulante”; e 3º premio (vale por 20 €) a “Os pequenos dinosaurios”.

En total, o Concello de Brión repartiu 2.200 euros en premios. O xurado estivo presidido por Sandy Cebral Gómez e integrado por Cristina Vittores Lamas, Yolanda Bouzas Alfonsín, José Luís Sampedro Bouzas e José Antonio Agrafojo López. Tras a entrega dos premios, a festa continuou ao son da orquestra “Passarela”, que coa súa música pechou un día de intensa diversión que puxo punto e final por este ano ás celebracións do Entroido na comarca.